30/11/13

A nena e o grilo nun barquiño.

Este espectáculo músico-teatral ensina toda maxia en vivo do libro-CD do mesmo título. Os dous protagonistas viven un montón de aventuras na súa viaxe de trotamundos . As cancións de Magín Blanco, tocadas e cantadas co seu grupo, e a interpretación de Os Ghazafelhos fixéronnos vibrar durante todo o musical: cantamos, bailamos, acompañamos con palmas,soñamos... Foi un medio máis de valorar a expresión a través das artes: música, teatro, narrativa, poesía,...

29/11/13

Mahán e a cadeira vermella.

Onte, compañeiros de 3º da ESO contáronnos o conto de Mahán e a cadeira vermella. Convidáronnos a reflexionar con eles sobre os Dereitos dos nenos . Mahán é un deses 61 millóns de nen@s do mundo que non teñen dereito á Educación Primaria Universal. Son nenos que só van uns poucos días á escola porque teñen que traballar. Despois do conto, sentados nas cadeiras, vermella que representaba aos nenos que están privados deste dereito e a verde que nos representa a nós, opinamos sobre o que poderían pensar os nenos que pertencen a estes dous mundos . Agasalláronnos con pegatinas e unha cadeiriña vermella para a aula que nos lembrará sempre a estes millóns de rapaces que non teñen a mesma sorte ca nós. Moitas grazas aos compañeiros de 3º da ESO e á profe Yoli!!

16/11/13

Vaia banda!

Este venres, todos os cursos de Primaria, fomos a un concerto en A Coruña. No centro Ágora o grupo de percusión Odaiko e a Banda Municipal entusiasmáronnos co seu espectáculo didáctico "Vaia banda!" Sorprendéronnos cun concerto vivo, participativo,... que nos fixo vibrar ata o final!

8/11/13

As aventuras de Quebranoces.

Hoxe a Asociación Musical Musicreques estivo no cole representando , para infantil e primaria, As aventuras de Quebranoces. Con Clara e Quebranoces fixemos unha marabillosa viaxe musical. Gustounos moitísimo!!