30/4/13

2ª fase: larva.

As nosas eirugas(que están na fase de larva) van medrando de día en día. As primeiras en sair do ovo, xa pasan do centímetro de lonxitude. Cando notamos máis o cambio é os luns; despois da fin de semana, quedamos abraiados co seu crecemento. Esta fase durará de 30 a 35 días e farán varias mudas de pel ata chegar aos 7-8 cm de lonxitude e os 12 aneis. Por iso teñen que comer tanto!!

24/4/13

Día do Libro

Para celebrar o día do libro, a biblioteca trasladouse ao patio. Un recuncho quedou transformado nunha pequena biblio. Agasalláronnos con fermosos marcadores tamén. Na aula vimos o corto "Os fantásticos libros voadores" e fixemos os nosos mini-contos.

23/4/13

As eiruguiñas da seda.

Están saíndo dos oviños ( este ano con retraso porque a tempetatura estivo moi fría) as primeiras eiruguiñas. Xa remataron a 1ª fase de ovo(nela estiveron dende finais da pasada primavera ata esta). Comezan a 2ª fase de Larva que durará de 30 a 35 días e farán varias mudas de pel ata chegar aos 7-8cm de lonxitude e os 12 aneis. Empezamos alimentándoas con follas de leituga a primeira semana, pero agora xa comen folliñas de moreira. Seguimos tendo problemas para atopar a moreira (grazas a Martín Miguel,un compañeiro de 3º, que ten unha na súa horta).

22/4/13

Mural de primavera.

Este é o mural de primavera que fixemos en 1º ciclo. Traballando en equipo os catro cursos, con moita imaxinación e gañas acabámolo a fume de carozo! Pintamos, recortamos, fixemos coellos, paxaros, bolboretas, caracois, etc. Gústanos como quedou!

20/4/13

Teatro no cole.

As compañeiras do colexio, que pertencen ao grupo de teatro do Casino, representaron na sala de usos múltiples a obra Conto de Nadal de Charles Dickens. Na súa versión,o tacañón Scrooge recibe a visita da pantasma do seu mellor amigo e dos tres espíritus do Nadal, que lle darán a oportunidade de salvarse. Estivemos moi atentos porque nos gustou moito. A nosa felicitación para todo o grupo!

19/4/13

Paseo pola Xunqueira.

En Ares temos a fortuna de ter, entre outras moitas cousas, un humidal magnífico que na primavera é visitado por moitas aves migratorias. Onte, fomos dar un paseo por el, para observar a fauna e a flora. No percorrido vimos nogueiras, salgueiros, figueiras,parras,.... En canto aos parrulos, vimos sobre todo machos, algunha femia e sobre doce parruliños , xa bastante medrados. Uns nadaban e buscaban comida, outros voaban perseguíndose, outros camiñaban ,... Procuramos facer pouco ruido para non molestalos. É unha sorte ter este paseo tan preto do cole!

17/4/13

Meteoescolas.

Todo Primeiro Ciclo participa no Proxecto Meteoescola que dirixe o profe Jorge de secundaria. Cada mañá saímos a mirar a temperatura que marca o termómetro e a observar o ceo. Os datos recollémolos nunha ficha modelo diaria e completámola con refráns, adiviñas,...